“Se aínda somos galegas
é por obra e gracia do noso idioma.”
Castelao
Animación lectora e dinamización da cultura galega
A lectura é unha grande ferramenta para coñecer, comprender e interpretar a cultura que nos rodea. En Anacos fomentamos a animación lectora a través de proxectos e obradoiros dinámicos, accesibles e adaptados ás diferentes idades, co obxectivo de que as persoas participantes aprendan e desfruten dun xeito activo e participativo.
Achegamos, tanto á cativada como ás persoas adultas, a cultura galega, as lendas e os contos desde unha perspectiva vivencial, empregando estratexias de mediación que serven de ponte entre os libros e as persoas lectoras. A través das historias, promovemos a imaxinación, a reflexión e a capacidade de trasladarnos a outros mundos e realidades, coñecendo tamén o contexto e as persoas creadoras das obras.
Traballamos o fomento da lectura xunto co coñecemento da nosa riqueza cultural e histórica, utilizando sempre o galego como lingua vehicular e ferramenta de comunicación, interacción e expresión.
O noso obxectivo é crear contidos en galego que poñan en valor a nosa lingua e favorezan aprendizaxes significativas, non só no ámbito educativo, senón tamén como experiencia cultural compartida.
A quen van dirixidas
As nosas actividades van dirixidas á poboación en xeral. Con todo, centramos especialmente a nosa intervención nas primeiras etapas educativas —educación infantil e primaria— co obxectivo de fomentar o hábito lector desde idades temperás.
As propostas poden desenvolverse en diferentes espazos, como centros educativos, bibliotecas, centros culturais ou outros ámbitos comunitarios, adaptándonos ás necesidades de cada contexto.
As actividades que se detallan son propostas de dinamización lectora orientadas a coñecer diferentes contos, así como a achegarse a escritores e escritoras. Procuramos un encontro coas persoas creadoras de historias, que nos permita viaxar a outros lugares a través das súas palabras e narracións, fomentando a imaxinación, a curiosidade e o gusto pola lectura.