Escola de tempo libre
A Escola de Tempo Libre Anacos nace coa finalidade de crear un espazo de formación no ámbito do lecer e da educación non formal no Concello da Estrada e nos concellos que o soliciten.
A Escola de Tempo Libre Anacos constitúe un espazo formativo orientado a promover e impulsar accións educativas para o desenvolvemento do tempo libre, fomentando valores, habilidades sociais e potenciando as capacidades individuais e grupais das persoas participantes.
Entre as súas accións fundamentais está a organización e impartición de cursos de formación neste eido, así como a promoción de iniciativas que favorezan a preparación profesional no ámbito do tempo de lecer.
Consideramos esencial a formación das persoas que desenvolverán a súa labor como educadoras e educadores no tempo libre, responsables da transmisión de aprendizaxes con conciencia, compromiso e perspectiva educativa. A través deste proxecto establecemos as bases da actuación da Escola de Tempo Libre ANACOS.
a nosa metodoloxía
ETL Anacos conta cun centro base no Concello da Estrada, mais pode impartir cursos en calquera punto de Galicia dende o que se soliciten.
Contamos cun equipo de profesionais formadas e con ampla experiencia no ámbito do lecer e do tempo libre, así como en educación e igualdade.
A metodoloxía empregada baséase nunha aposta por formar profesionais do tempo libre dende unha perspectiva educativa e transformadora. Traballamos a través da participación activa das persoas participantes e da dotación de ferramentas que lles permitan aplicar de maneira práctica os contidos abordados.
Para nós, o monitorado non é só un equipo dinamizador; é tamén unha figura educativa e referente, responsable de transmitir valores e acompañar procesos de aprendizaxe nos diferentes contextos de intervención.




